Charlas Online, Entrevistas
Dos seis primeiros, só o Lemos conseguiu gañar
Os monfortinos xa lle sacan 16 puntos ó terceiro clasificado tras golear ó Cabreiros.
Páramo e Outeiro continúan na segunda e terceira praza pese a perder contra equipos da zona baixa.
Taboada e Ferreira igualaron nun encontro moi aberto.
Todo fai indicar que só unha hecatombe lle pode negar o ascenso a Rexional Autonómica un ano despois de abandonala ó Club Lemos. Os monfortinos contan con 61 puntos, 16 máis que o terceiro clasificado, a falta de 33 por disputarse. Os últimos 3 acadáronos os de Julio Corral tras vencer na Pinguela por 4-0 ó Cabreiros. Os lemistas finiquitaron o encontro cun 3-0 antes do descanso e só deixaron de sumar 8 puntos no campionato. Os números dos brancos son espectaculares, sobre todo en ataque: 18 goles máis a favor que o Bóveda, segundo equipo máis realizador e un tanto realizado cada 33 minutos.
A segunda praza de ascenso é para o Páramo (46), que caeu por 2-0 no Árbol ante o Valadouro. Ós de Couso púxoselles o encontro costa arriba nos primeiros minutos e os locais estiveron moi acertados na defensa, o que lles permitiu levar os 3 puntos. O Páramo levaba 11 xornadas sen perder (nas que sumara 27 puntos) e a domicilio só caera nos feudos de Ferreira, Lemos e Burela. A un punto continúa o Outeiro de Rei, que perdeu no derbi ante o Castro por 1-2. Os de Pepe Martín (45) sumaron así a segunda derrota consecutiva ante equipos da zona baixa e dos últimos quince puntos en xogo só conseguiron 3, na victoria ante a Residencia.
Taboada e Bóveda son cuarto e quinto (42 e 41)logo de rematar con empate sen goles o seu encontro no Baliño. Ambos equipos brindaron un bonito espectáculo, no que calquera dos dous se puido levar a victoria. Nos últimos minutos, o Taboada xogou cun home máis e foise ó ataque, pero os de Anxo Valcárcel defenderon ben e sacaron un punto contra un rival directo. O Taboada suma unha volta enteira (17 encontros) sen perder e o Ferreira pese a sumar oito xornadas sen gañar, continúa a 5 puntos do ascenso.
Sexto e sétimo son Bóveda e Pastoricense, con 39 puntos. Os vermellos empataron a 1 ante o Alfoz no Hermanos Somoza, nun encontro no que erraron un penalti para poder levarse os tres puntos. Os de Cabanelas suman dous empates consecutivos contra equipos da zona baixa. Pola súa banda, o Pastoricense impúxose por 1-0 á Milagrosa cun gol do debutante Moirón nun encontro insípido, no que o máis xusto sería un empate. Os de Fiz sumaron 21 puntos nas últimas 10 xornadas, nas que só perderon un encontro.
O Lourenzá é oitavo (34) logo de impoñerse ó Riotorto por 2-1 en Santa Cruz. Os albivermellos foron ata o de agora o único equipo ó que se impuxeron os riotortenses no campionato (no encontro da primeira volta). O equipo laurentino é un dos que amosa un mellor estado de forma nas últimas datas. Só perdeu un dos últimos sete encontros, nos que sumou 14 puntos. O Burela queda noveno (33) logo decaer goleado no Chao da Poza de Portomarín por 6-0. Os verdes estiveron moi desacertados e levaron a décima derrota da tempada. A domicilio apañaron seis goles por segunda semana consecutiva.
Na próxima xornada xogaranse os seguintes encontros: Riotorto – Burela, Cabreiros – Lourenzá, Alfoz – Lemos, Taboada – Bóveda, Páramo – Ferreira, Residencia – Valadouro, Milagrosa – Xermade, Castro – Pastoricense e Outeiro – Portomarín.
