Charlas Online, Entrevistas
Momán e Roupar tutean ós xigantes da categoría
Ambos equipos empataron a 1 ante os dous primeiros clasificados ata a pasada xornada.
O Goiriz aséntase na zona media logo de impoñerse ó Abadín.
Cazás e Muralla B empatan sen goles e continúan separados por 2 puntos na clasificación.
O Momán deu a sorpresa ó empatar a 1 tanto ante o líder San Ciprián. Os verdes adiantáronse no marcador e fixeron un encontro moi serio, pero finalmente, os mariñáns lograron a igualada. Os xermadenses son oitavos (24) logo de volver sumar tras dúas derrotas consecutivas. Tamén foi sorpresivo o resultado acadado polo Roupar (18) ante o L. Pimentel. Os verdebrancos empataron a un tanto cos capitalinos nun encontro no que a diferenza na clasificación non reflicte o acontecido sobre o céspede. Os roupareses só conseguiron gañar 3 encontros no seu feudo.
O Goiriz asentouse na zona media da clasificación (24) logo de impoñerse ó Abadín por 0-2. Os celestes sumaron 7 dos últimos 9 puntos en xogo. O Abadín queda décimo (20) logo de protagonizar a terceira derrota consecutiva. Dos últimos 21 puntos, os de Pereira só acadaron 7.
O Cazás e o Muralla empataron sen goles en Catro Ventos, nun encontro no que o porteiro visitante Beni foi un dos grandes protagonistas, ó salvar ós seus das continuas embestidas dos locais. Os rossoneros son decimosegundos, con 13 puntos logo de sumar o primeiro punto de 2012 e os capitalinos quedan decimoterceiros (11) tras romper esa mesma xeira negativa e acadando o segundo punto a domicilio do campionato.
O Codesido é decimocuarto, con 9 puntos, tras descansar na pasada xornada. Pecha a táboa a UD Lugo (4), que caeu por 1-4 ante o Catro Roldas e xa recibiu 68 goles nos 18 encontros disputados polos capitalinos.
