Charlas Online, Entrevistas
O Codesido deu a sorpresa ante o Ourol
Os branquiazuis impuxéronse por 2-0 e subiron un chanzo na clasificación.
O Roupar tamén gañou á UD Lugo e aúpase ata o décimo posto, superando ó Abadín, que caeu ante o San Román.
Só os dous equipos da zona baixa da clasificación que gañaron conseguiron ver porta nesta xornada.
O Codesido protagonizou unha das sorpresas da xornada no grupo norte da Terceira Autonómica. Os branquiazuis impuxéronse por 2-0 ó Ourol e ascenden así ata a decimoterceira praza, con 12 puntos. Os vilalbeses encadearon dúas victorias consecutivas, e no último mes sumaron 3 das 4 coas que contan no campionato.
O outro equipo dos máis humildes que gañou nesta xornada foi o Roupar, que se impuxo por 0-2 á UD Lugo. Os verdebrancos ascenderon ata a décima praza grazas ós seus 21 puntos, os catro últimos logrados de xeito consecutivo. O Roupar só gañara un encontro a domicilio ata esta xornada. Fora o 15 de outubro ante o Muralla B por 6-0. A UD Lugo pecha a clasificación, con 4 puntos, logo de non sacar ningún resultado positivo nas últimas sete xornadas.
O Muralla B é decimocuarto (11), logo de caer no derbi por 0-3 ante o Luís Pimentel. O filial romano aguantou as envestidas dos verdenegros durante a primeira metade, pero despois, o partido tivo unha clara cor visitante. O Muralla B viña de sumar 4 puntos nas dúas últimas xornadas.
Tamén caeu o Cazás ante outro dos equipos punteiros como é o San Ciprián. Os de David Lorenzo perderon por 1-0 e son duodécimos, con 13 puntos. Os rossoneros acadaron unicamente dous puntos a domicilio en todo o campionato. O Abadín tamén caeu pola mínima ante o San Román (1-0) e é undécimo (20). Os de Pereira levan 4 derrotas consecutivas e a domicilio só foron quen de gañarlle ó Codesido e á UD Lugo.
O Momán, que tamén caeu en Mosteiro ante o Pol por 1-0 mantén a novena praza (24) aínda que só sumou un punto nos últimos catro encontros.
