Charlas Online, Entrevistas
O Rácing VIlalbés perde o segundo encontro na Magdalena
O Rácing Vilalbés rompeu coa súa dinámica positiva tras perder o seu segundo partido da tempada, desta vez fronte o Deportivo B. Os de Tito Ramallo pasaron como unha apisonadora sobre os da Magdalena endosándolles un 0-4, con 2 tantos nos primeiros 20 minutos.
O Rácing Vilalbés (foto LVG) acusou as baixas respecto a outros encontros e sucumbiu nunha goleada abultada diante do Depor B por 0-4. O conxunto de Charlie non saiu coa intensidade que acostuma e os deportivistas, comandados por Juan Carlos, non perdoaron. Víctor, o propio Juan Carlos en dúas ocasións e Vela fixeron os tantos visitantes.
Co 0-2 ó descanso, o preparador local confiou nunha proeza, pero co 0-3 nada máis saír dos vestiarios, optou por facer borrón e conta nova e incluso deu descanso a Félix, que con 4 amarelas, corría risco de perderse o vindeiro encontro, e ó goleador Dani.
Esta é a segunda derrota do Rácing Vilalbés en todo o campionato. Casualmente, as dúas foron na Magdalena e contra equipos coruñeses: O RC Deportivo e o As Pontes.
En declaracións á Radio Galega, o preparador chairego non quixo darlle máis importancia da debida á derrota e sinalou que “é o claro exemplo de que se non estamos a tope sempre, pódenos gañar calquera”. Ademáis, Charlie sinalou que “esta non é a nosa liga, pero temos que competir contra todos”.
En canto ó resto de favoritos da competición, o Rácing de Ferrol gañou por 2-1 ó Betanzos, no que é o sétimo punto de nove posibles dos ferroláns con Aira no banco. Pola súa banda, o Pontevedra caeu no difícil campo do Ordes e permítelle ó Vilalbés continuar co colchón de 2 puntos na primeira posición. O Cerceda só foi quen de empatar na súa visita a Negreira. Tamén empataron a 2 Alondras (terceiro) e CD Ourense (sexto).
A vindeira semana, o Rácing Vilalbés xoga o vindeiro sábado a partir das cinco da tarde fronte o Betanzos. O Resto de encontros son: Dorneda – Bergantiños, Somozas – Estradense, Xuventú Sanxenxo – Rácing de Ferrol, Negreira – Alondras, Cerceda – Deportivo B, Areas – As Pontes, Lalín – Ordes, Pontevedra – Rápido e CD Ourense – Vilalonga.
