Charlas Online, Entrevistas
Pasarón pode cambiar o obxectivo do Vilalbés
O Rácing Vilalbés xa non é a revelación da categoría. É a realidade. Semana tras semana, os de Charlie van pasiño a pasiño agrandando, ou cando non é así, mantendo a distancia co quinto clasificado na Terceira Galega máis competida da historia. Equipos como o Cerceda, Pontevedra, Ourense, Deportivo B ou Rácing de Ferrol teñen que mirar para arriba na clasificación e ver a un conxunto humilde coas ideas moi claras e con moito traballo detrás duns resultados que xa non sorprenden a ninguén.
Xa son trece xornadas á fronte da Terceira Galega, e como mínimo, serán catorce, porque o Vilalbés aproveitou a derrota do Ourense fronte o Rápido para agrandar a súa fenda co segundo clasificado a 5 puntos. Os de Charlie venceron por 2-0 diante do Dorneda acadando así a undécima victoria da tempada. Os chairegos están calcando os números dos seus perseguidores, xa que nos últimos 5 encontros disputados acadou 10 puntos, os mesmos que Alondras (segundo), Ourense (terceiro) e Deportivo B (cuarto). Só o Ordes do focense Nacho, oitavo, foi quen de sumar máis que o Rácing Vilalbés nese periodo (12 puntos).
O partido do vindeiro domingo ás 17 en Pasarón fronte o Pontevedra pode marcar o obxectivo do Rácing para o que resta de campaña. Así o pensa o seu director deportivo, Paco Corredoira, que este martes en RadioLugo-Ser sinalou que “de gañar en Pontevedra, o obxectivo pasaría a ser o de acabar entre os catro primeiros”, pero, con todo, dende a entidade vilalbesa a pesar da situación de ámbolos equipos, non se ven favoritos. “É certo que o Pontevedra está nunha dinámica moi negativa, e nós nunha positiva, pero non somos os favoritos para gañar ese encontro”, sinalou Corredoira.
O director deportivo do Vilalbés califica de “impensable” a comezo de campaña o feito de ter prácticamente garantida a permanencia con 5 encontros por xogar da primeira volta. Paco Corredoira cre que o éxito do Rácing Vilalbés radica “no compensado que é o plantel”. Segundo Corredoira, na pasada campaña, “cando o equipo tiña 3 ou 4 baixas como tivemos nos últimos encontros, non era quen de gañar, e este ano está a facelo”.
Para rematar a primeira volta do campionato o Rácing Vilalbés ten que xogar a domicilio en Pasarón fronte o Pontevedra, na Lomba fronte o Areas no García Calvo de Negreira. Como local ricibirá ó CD Lalín e a CD Ourense.
