Charlas Online, Entrevistas
Ata sempre Adolfo
A xornada do pasado martes foi tráxica para o fútbol lucense. No campo da Fonte, no que se disputaba o partido Cospeito - Meira, adiantado á novena xornada do grupo 7 da Segunda Autonómica, producíuse un desgraciado accidente que acabou coa morte de Adolfo Jartín Torres, socio do Meira FC e incondicional do fútbol amateur da comarca.
A xornada do 1 de novembro do 2011 será difícil de esquecer para o Meira FC, e non precisamente pola derrota sufrida por 2-1 tra-los 90 minutos de encontro fronte o CD Cospeito. O conxunto meirego tardará en asimilar o acontecido cando o seu socio máis incondicional, Adolfo Jartín, abandonaba as instalacións do campo da Fonte.
Cando os afeccionados descendían os graderíos do campo do CD Cospeito tra-lo encontro, Adolfo seguía os seus pasos. Pero algo aconteceu e precipitouse pola estrutura na que os siareiros presencian os partidos.
Nun primeiro momento, Adolfo estaba "totalmente consciente, aínda que con dores", sinalou Miguel Anxo Rodríguez Portela, presidente do Meira FC. Nada máis producirse a caída, foron mobilizados efectivos do 061. Antes da súa chegada, "Adolfo dicía que non sentía as pernas, e máis tarde acontecíalle o mesmo cos brazos", segundo o propio Portela, quen asegurou que foi transladado ó Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) aínda con total consciencia.
A partir de ahí, "os médicos do hospital confirmáronnos que ía quedar tetrapléxico", pero arredor das dez da noite, Adolfo sufriu "un paro cardiaco, do que conseguiu ser reanimado". Minutos despois, segundo o presidente do Meira FC, volveulle a acontecer o mesmo e xa non se puido facer nada pola súa vida.
Adolfo, de 72 anos e natural de Meira, era un afeccionado incondicional do Meira FC, o seu equipo da alma, e do que non se perdía ningún encontro. Co seu tradicional puro e o paraugas colgado á espalda, pasaba as tardes dos domingos cos rapaces do Meira FC, alá a onde fosen. Pero non só acudía ós partidos do equipo celeste, senón que era todo un amante do fútbol da comarca. Era frecuente ver a Adolfo nos encontros da SD Pol, no Manuel Luna, ou no Acebreiro presenciando os partidos do Pastoricense.

