Joomla Templates and Joomla Extensions by JoomlaVision.Com
  • Charlas Online, Entrevistas

Unha tarde para disfrutar no Sangoñedo

Bancada na última visita do Compos a Chantada | ArquivoOs equipos lucenses da Rexional Autonómica afrontan unha nova xornada. O Ribadeo tentará prolongar a boa xeira de resultados de 2012 que o levou a sair do ascenso, no que se encontran, máis afundidos que nunca, Xove Lago e Foz. O Viveiro buscará fuxir dos postos de perigo e o Chantada dar a sorpresa tumbando ó líder e de paso, asaltar os postos de play-off de ascenso.


O Chantada afronta coa moral máis alta que nunca o duelo do vindeiro domingo no Sangoñedo (17.00) ante o líder, a SD Compostela. O equipo que prepara Carolo encadea 5 xornadas sen perder que o situaron a 3 puntos da cuarta praza, que garantiría xogar un play-off de ascenso a Terceira División. O traballo para os chantadinos non vai ser fácil. Reciben ó líder, a SD Compostela, que con 55 puntos, conta con 10 de marxe co terceiro posto e vén de gañarlle ó O Val, por 2-1. Os compostelanistas só perderon un encontro e empataron outro a domicilio.

A directiva da SD Chantada lanzou esta semana unha campaña a través da rede para mobilizar á afección e que vaia vestida de vermello ó Sangoñedo. Coa intención de encher o domingo o campo chantadino, incluso colgaron un vídeo no twitter do equipo recordando o ambiente do último encontro da SD Compostela no Sangoñedo, en maio do 2008, cando os branquiazuis se xogaban o ascenso a Terceira División.

No resto de encontros, o Viveiro buscará fuxir cara unha zona tranquila cos tres puntos en xogo do domingo ás 16.30 en Cantarrana ante o Xallas. Os de Chano están 6 puntos por enriba do descenso e teñen ao Xallas a esa mesma distancia. Os coruñeses veñen de impoñerse ó Foz por 3-0. Lonxe do seu feudo, os de Santa Comba acadaron 4 das súas oito victorias. Iván Cancela non poderá contar nos visitantes con Álvaro Antelo por sanción.

O Ribadeo, por segunda xornada consecutiva na tempada fóra do descenso, con 4 puntos de marxe co Unión de Asados, enfrontarase ó Grixoa o domingo ás 16.30 en Santa Isabel. Os composteláns veñen de empatar no derbi ante o Bertamiráns, un dos dous únicos equipos, xunto co Laracha, que foi quen de sorprendelos no seu feudo. O Grixoa é quinto, con 38 puntos, a 3 do cuarto posto. Perderanse o encontro por sanción no equipo de Vilachá Chinco e Álex.

O Xove Lago, a 8 puntos da salvación, visita o Santa Comba o domingo a partir das 16.30. Os xovenses tentarán acadar na Fontenla un resultado positivo tras catro derrotas consecutivas. Os coruñeses non están nun mellor momento, xa que encadean 5 derrotas seguidas no 2012. Na clasificación os de Gelucho están sétimos (34).

O colista Foz recibe no Martínez Otero ó Dumbría á mesma hora, coa necesidade imperiosa de puntuar. Os albivermellos, coa permanencia a 11 puntos, enfrontaranse a un equipo que vén de encaizar dúas derrotas consecutivas e que non gaña a domicilio dende o 23 de outubro, data na que se impuxo ó Soneira na que foi a súa única victoria lonxe do seu feudo. López Canosa chegará a Foz sen Aarón e o gardamallas Juan, ambos sancionados.