Charlas Online, Entrevistas
O Chantada tuteou ó Compos no Sangoñedo
Os chantadinos igualaron a 1 e quedan a só 3 puntos do play-off de ascenso.
O Viveiro asentouse na zona tranquila logo de imporse ó Xallas.
O Ribadeo continúa con 4 puntos de marxe co descenso pese a perder ante o Grixoa.
A SD Chantada está a gañarse o respeto do fútbol galego xornada tras xornada. Nesta ocasión visitaba o Sangoñedo o líder compostela e os chantadinos responderon á ocasión con creces. O equipo de Carolo raiou a perfección no aspecto defensivo e só lle faltou un punto de acerto máis no ataque para levarse os tres puntos nun encontro disputado ante preto de 1.000 persoas. O Compostela continúa líder destacado (56), con 10 puntos de marxe co terceiro clasificado. O seu preparador, Anxo Casalderrei, valoraba así o encontro. Pola súa banda, o Chantada é sexto, a 3 puntos da cuarta praza, que ocupa o Boiro (ó que se enfrontan na próxima xornada), tras encadear a sexta xornada consecutiva sen perder. A próxima xornada pode ser clave para os chantadinos, porque ademais do seu encontro ante os boirenses, enfróntanse o segundo e o terceiro clasificado (Narón e Laracha).
O único equipo lucense que gañou nesta xornada foi o Viveiro. Os de Chano impuxéronse por 2-1 ó Xallas e deixan así o descenso a 9 puntos. Os celestes tiveron a sorte de cara nun encontro moi espeso dos locais, sobre todo na primeira metade. Os viveirenses encadean dúas victorias consecutivas que lles fan olvidar a crise de resultados vivida a comezos de ano.
Quen non foi quen de aumentar a súa xeira foi o Ribadeo. Os de Vilachá caeron ante o Grixoa por 3-0 nun encontro dominado de principio a fin polos santiagueses. Con todo, o Ribadeo tivo un balón ó pau co 1-0 que pudio cambiar o devalar do encontro. Os celestes quedan 4 puntos por enriba do descenso tras colleitar a primeira derrota da segunda volta, logo de tres triunfos consecutivos.
Continúan pechando a clasificación Xove Lago e Foz. Os xovenses caeron na Fontenla ante o Santa Comba por 2-1 pese a xogar en superioridade numérica dende mediada a primeira metade. Os verdes, con 13 puntos, seguen a 8 da permanencia tras encadear a segunda derrota consecutiva. O Foz pecha unha semana máis a táboa (10) logo de caer pola mínima no Martínez Otero ante o Dumbría. Os de Molo marraron un penalti e varias ocasións claras para poder levar, cando menos, un punto. Os albivermellos continúan a 11 puntos da salvación e sen gañar dende fai oito xornadas.
Na próxima xornada xogaranse os seguintes encontros: Narón – Laracha, Bertamiráns – Soneria, Ribadeo – Galicia Mugardos, Xove Lago – Grixoa, Xallas – Santa Comba, Dumbría – Viveiro, Compostela – Foz, Boiro – Chantada, Unión – O Val e Dubra - Santiago.
