Charlas Online, Entrevistas
Ribadeo, Chantada e Viveiro teñen encontros claves contra rivais directos
Os de Vilachá reciben ó Galicia Mugardos, que conta con só 2 puntos menos que os celestes. O Chantada visita o Campo do Boiro, que está en posto de play-off, con 3 puntos máis que os vermellos e o Viveiro xogará ante o Dumbría, equipo que conta tamén con esa mesma diferenza sobre os mariñáns.
A SD Chantada ten un encontro clave ante o Boiro para medir as súas aspiracións de cara á loita polos postos de play-off de ascenso. Os chantadinos chegan a Barraña (domingo, ás 16.30) sabedores de que se gañan poden comprimir moito a zona alta da clasificación, posto que o Narón, segundo con 48 puntos e o Laracha, terceiro con 46 enfróntanse entre si. Os vermellos veñen de empatar ante o líder Compos e nas seis xornadas disputadas en 2012 aínda non perderon. Pola súa parte, o equipo de Ramiro Sorbet empatou no último encontro en Ferrol ante o O Val e no seu feudo só conseguiu gañar o Santa Comba. Perderanse o encontro por sanción Adrián Santos nos locais e Kadete nos visitantes.
Tamén o Ribadeo ten un importante choque o sábado a partir das 16.30 no Pepe Barrera ante o Galicia Mugardos. Os celestes, catro puntos por enriba do descenso, reciben ao equipo ferrolán, que se atopa nunha situación máis comprometida, con só dous puntos de marxe sobre os postos de perigo. Os de Manolo Vilachá viñan de encadear 3 victorias ata que caeron a semana pasada en Compostela ante o Grixoa. Pola súa banda, os ferroláns levan 8 xornadas sen gañar, nas que só sumaron 2 puntos. A domicilio levan 5 encontros sen puntuar e 8 sen gañar. Perderase o encontro por acumulación de amonestacións o meta local Viusky.
O Viveiro ten unha boa oportunidade o sábado a partir das 17.00 para certificar a súa melloría das últimas xornadas. Visita o Dumbría, o equipo que o precede na clasificación e que conta con só 3 puntos máis que os celestes. Os mariñáns están nove puntos por enriba do descenso logo de vencer os dous últimos encontros, mentras que os coruñeses sumaron na pasada xornada a segunda victoria a domicilio no Martínez Otero ante o Foz. No seu feudo só gañaron Chantada e Bertamiráns. Perderase o encontro por sanción Bruno, nas filas lucenses.
Duelos complicados para Xove e Foz
O Foz visita o domingo ás 17.00 o San Lázaro para medirse ó líder Compostela. Os albivermellos levan sete derrotas consecutivas e o Compos seis xornadas sen perder. No multiusos santiagues non gañou ninguén no que vai de campionato e só colleitaron un punto Grixoa, Narón e Boiro. Molo terá problemas para confecionar o equipo tra-las sancións de Aitor, David e Luís Varela. Nos de Anxo Casalderrey non estará polo mesmo motivo Germán.
Pola súa banda, o Xove recibe ó Grixoa (domingo ás 17.00) logo de encadear dúas derrotas consecutivas tras impoñerse ó Foz. Os verdes levan só dúas victorias no Municipal. Diante dos de Gayol estará o quinto clasificado que vén de golear ó Ribadeo por 3-0 e que a domicilio só perdeu 4 encontros. Non estarán por sanción nos locais Adam e o dianteiro Diego.
