Charlas Online, Entrevistas
O Chantada foi presa da ansiedade por gañar
O Chantada caeu en Boiro e queda a 6 puntos do play-off de ascenso.
O Ribadeo empatou ante un rival directo e agranda a fenda co descenso a 5 puntos.
Xove Lago e Foz continúan pechando a táboa a 9 e 12 puntos da permanencia.
A SD Chantada caeu por 1-0 en Barraña diante do Boiro nun encontro marcado pola actuación arbitral, que mandou á caseta a 3 xogadores locais e a un visitante antes de rematar o encontro. Os Chantadinos mereceron máis ante un rival que soubo sufrir con 8 xogadores no terreo de xogo durante case toda a segunda metade. O equipo de Carolo errou un penalti ó borde do descanso que suporía o empate a 1. Tras esta derrota (a primeira da segunda volta), os de Carolo quedan sétimos, a 6 puntos do Boiro(que lle ten o golaverage gañado ós chantadinos), que ocupa a cuarta praza, a última que permite xogar o play-off de ascenso.
O outro equipo lucense que puntuou foi o Ribadeo. Os celestes lograron salvar un punto nos últimos minutos cun gol de Elías, que neutralizou a vantaxa do Galicia Mugardos acadada no primeiro tempo. Os de Vilachá fixeron un primeiro tempo romo, pero na segunda metade sairon decididos ó ataque e obtiveron premio. Os mariñáns, con 24 puntos, están 5 por enriba do ascenso, logo de sumar 10 dos 15 puntos posibles na segunda volta e encadear 7 consecutivos no Pepe Barrera. O Galicia Mugardos queda con 22 puntos, 2 por debaixo do Ribadeo. Ambos equipos teñen o golaverage particular empatado e no xeral os ferroláns teñen -19 e os celestes –8.
Catro puntos por enriba do Ribadeo está o Viveiro, que levou un severo correctivo na súa visita ó Dumbría, un rival co que podía empatar a puntos de vencerlle. Os mariñáns saíron moi apáticos no primeiro tempo e marcharon con un 1-0 ó descanso. Na segunda metade os de Chano tentaron ir polo encontro, pero o Dumbría non titubeou e ampliou as diferencias. O Viveiro (28) está 9 puntos por enriba do descenso e rompeu así a súa xeira de dous resultados positivos consecutivos lonxe de Cantarrana.
A vida segue igual para Xove e Foz
Xove Lago e Foz pechan unha semana máis a táboa clasificatoria na Rexional Autonómica. Os verdes (13) están a nove da salvación tras perder por 1-2 ante o Grixoa. Os verdes comezaron o partido con moi bo pé e adiantáronse por medio de Anxel ó fío do descanso. A falta de rotacións no banco local fixo que os visitantes foran gañando terreo e se levaran o encontro nos últimos minutos. Os xovenses só lograron dúas victorias no Municipal (ante o Unión de Asados e o Foz) e un empate (ante o Santa Comba).
O Foz saiu goleado de San Lázaro. Recibiu un set do líder Compostela, que xa vencía por 2-0 nos primeiros dez minutos de encontro. Os albivermellos foron un xoguete en mans dos blanquiazuis. O equipo de Molo apenas inquedou a portería defendida por Diego Penas. Con esta derrota, os focenses quedan con 10 puntos a 12 da salvación logo de encadear 8 derrotas consecutivas.
Na próxima xornadaxogaranse os seguintes encontros: Santiago – Narón, Larachá – Bertamiráns, Soneira – Ribadeo, Gal. Mugardos – Xove Lago, Grixoa – Xallas, Santa Comba – Dumbría, Viveiro – SD Compostela, Foz – Boiro, Chantada – Unión e O Val – Dubra.
