4 encontros de sanción a Iago e Víctor Neira polos incidentes no S. Lázaro – Chantada Atlético

Óscar e Farruco do Parga pérdense a xornada por sanción | ArquivoO Subcomité de Competición da FGF en Lugo actuou dunha forma tallante tra-la lectura da acta do encontro da xornada 17 entre o S. Lázaro e o Chantada Atlético, que o colexiado tivo que suspender nos últimos minutos por unha tangana no terreo de xogo. Iago, dos locais e Víctor Neira dos visitantes foron sancionados con 4 encontros por “agredir a outro sen causar lesión estando o xogo detido”. Ademáis outros dos xogadores (un de cada equipo) cumprirán un encontro de sanción por “producirse de xeito violesnto”. O delegado do San Lázaro, José María García, tamén foi sancionado con 4 semanas privado das súas funcións.


Na Primeira Autonómica foron sancionados un total de 12 xogadores de 11 equipos distintos. O Valadouro é o único conxunto con máis dun sancionado. Os peores castigos foron para Bruno do Burela, Castro do Bóveda e Chasis do Páramo. Os 3 futbolistas perderanse dous encontros por “producirse de xeito violento con ocasión do xogo sen consecuencias dañosas ou lesivas”.

Na Segunda Autonómica, no grupo norte, foron sancionados 15 xogadores con un partido. O Rioaveso, con 4 sancionados logo de fallarse tarde as actas de anteriores xornadas é o equipo máis perxudicado. Non poderá contar con Andrés, Alberto, Roberto e Alfonso. No Cospeito tampouco xogarán Diego e Juan, nin no Parga Óscar e Fran. No grupo sur perderanse o próximo encontro 9 xogadores. O Guntín, con Rubén e Avila e o Castrovere con Marcos e Bruno, son os equipos máis afectados.

Na Terceira Autonómica, no grupo norte non xogarán a próxima fin de semana 8 xogadores. O Luís Pimentel, con dous futbolistas sancionados, é o equipo máis mermado polas decisións do Subcomité de Competición da FGF en Lugo. No grupo sur Iago, do San Lázaro e Víctor Neira do Chantada Atlético foron sancionados con 4 encontros polos incidentes acontecidos no encontro que enfrentou ós seus equipos o pasado 21 de xaneiro. Ademais, outro xogador de cada escadra foi suspendido cun encontro tamén por eses mesmos feitos. A parte destes catro futbolistas, outros oito perderanse a vindeira xornada, dous deles do Quiroga e outros tantos do Pradeda.